Carlos Diz

carlosdiz

Antropólogo e investigador da Universidade da Coruña. Desenvolve a súa Tese de Doutoramento sobre movementos sociais. Ten realizado traballo de campo en diversos puntos da xeografía europea, seguindo as prácticas da rede de centros sociais de segunda xeración, coa Critical Mass e as bike kitchen, nas contra-cimeiras do movemento altermundialista ou na rede CIRCA de activistas transnacionais. No seu traballo ocupan un lugar importante os estudos corporais, o espazo público e a cidade, o xogo e as formas teatrais, e as retóricas do humor sociopolítico.


O Co-Lab podería verse como un híbrido entre un “laboratorio” comprendido como lugar de “investigadores e expertos” e un “colaboratorio” máis aberto, onde as “expertas” sexan as persoas afectadas directamente por tales procesos, por tales propostas, como una sucesión de gradacións de liberdade non exentas de controis rigorosos sobre os materiais, as normas, o espazo, o tempo, os resultados, etc. Un laboratorio ten sido, sempre, un espazo de incerteza. Para Carlos Diz é, metafóricamente falando: “un tempo-espazo que discorre entre o que se controla e o que se escapa, entre o que se sabe e o que se ignora, entre a orde e a inestabilidade, entre a sorpresa e a novidade, entre a apertura e o seu contrario” aínda que ambos estean en perfecta armonía.

Cando se refire á sostibilidade, todo apunta a que debe fornecerse do espazo adecuado, acondicionado cos materiais pertinentes, permanente, visible e agradable, posto que non hai nada máis innovador que unha tradición (re)inventada. Aínda que este proceso pasaría polo rastrexamento do que xa hai, un laboratorio que se precie debera ter como obxectivo innovar, en primeira instancia, proceso que pasaría por recombinar e tratar de ensamblar as fórmulas “locais” que xa están a funcionar. Pero como este laboratorio está radicado na Coruña hai que procurar ante todo visibilizar e dar discurso ao que xa nos pertence e ao que xa pertencemos porque a miúdo falamos con palabras que veñen de lonxe, con éticas e con estéticas que son alleas á nosa realidade. Segundo Carlos Diz, non hai que adaptarse ao foráneo porque hai que ter en conta a identidade local, para facer verdadeiramente noso un proxecto.

Dentro desa idea xeral, xurden unha serie de preguntas que quedan por respostar e que seguramente a cidadanía será quen de concretar nos vindeiros días, por ser os axentes sociais aos que vai dirixida a proposta. Mais: ¿De quen estamos a falar? ¿Tan só dos “expertos”? ¿E “expertos” segundo quen e para que? Contando con que pode haber xente que estea e que deixe de estar, segundo os tempos que marcan os proxectos, sempre debería haber perfís vencellados máis directamente co Co-LaB, contractualmente ou do xeito que sexa máis pertinente, pero que garden un compromiso e xeren estabilidade. Por iso, podería dicirse que as vindeiras xornadas parten de ámbitos temáticos axeitados para seren tratados nun primeiro obradoiro de definición.