Mariano Fernández

Un dos proxectos comunitarios máis importantes da cidade, Cuac.FM leva máis de 400 programa nos seus 20 anos de emisión radiofónica ininterrompida. Baixo o obxectivo principal de “garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía”, centos de persoas teñen pasado e pasan polas súas instalacións para facer radio comunitaria, de xeito horizontal e participativo.

A entrevista con Mariano Fernández, co-fundador da radio comunitaria Cuac FM da Coruña, comezou coa definición do Laboratorio como un espazo de encontro e convivencia onde os colectivos, institucións e calquera persoa interesada na innovación social poida coñecerse e compartir experiencias. Un lugar para a creación de sinerxias e no que poder explorar as súas posibilidades.

Despois diso, no referente ao seu funcionamento, sería fundamental realizar unha sistematización de colectivos e persoas, polo que habería que crear un mapa que recolla a todos os axentes da cidade.

En relación aos riscos de activar un espazo deste tipo, o entrevistado amosou certa preocupación de que derive nun espazo de poder. Por iso, remarcou a importancia do traballo metodolóxico, para o seu correcto funcionamento.

No eido da achega de Cuac FM, comenta que sería fantástico un espazo así, xa que “un medio comunitario constrúese coa comunidade e se está dispersa é moitísimo máis difícil chegar a ela. Deberiamos de ser o seu medio”. Aquí entra en xogo a parte de conseguir o empoderamento das persoas ou dos colectivos.

Para concluír, o entrevistado ofrece unha visión do Co-Lab como un lugar no que poidamos imaxinar a cidade, onde todos os colectivos se reúnan e onde a diversidade sexa un pilar fundamental dentro do espazo.