Víctor Sampedro

Doutor en Ciencias da Información pola UCM, Master en Ciencias Sociais Avanzadas do Instituto Juan March e Master of Arts en Mass Communication, na Northwestern University, Víctor Sampedro é tamén Catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política na URJC e Profesor-Investigador Invitado de Comunicació i Politica na UPF. Coordinador habitual dos Grupos de Traballo de Comunicación Política nos Congresos da Asociación Española de Ciencia Política e socio fundador de ACOP (Asociación de Comunicación Política) é, tamén, membro, entre outros, dos Consellos Editoriais de Political Communication, International Journal of Press and Politics e do Centro de Investigacións Sociolóxicas. Escribiu máis de dez libros sobre campañas e eleccións, novas tecnoloxías-comunicación, mobilización social e electoral, identidades colectivas e medios, novos xéneros de información política. E numerosos artigos en revistas como Journal of Communication, Media, Cuture & Society; International Journal of Press and Politics; TELOS, ZER. Ademais do seu labor académico, colabora con proxectos sociais de intervención e empoderamento comunicativos.

Víctor Sampedro  fálanos da importancia do evento do 24 e 25 de novembro e do CoLab como proxecto. Sinala que na Galiza hai un tecido social e industrial das TIC moi sólido en termos de cultura libre e aberta, e tamén do ben común. Coruña pode ser centro fornecedor, redifusor e irradiador desas iniciativas.

A súa visión sobre o CoLab é que ten que dar visibilidade e por en valor o que existe  e dar infraestrutura, apoio intelectual e equipos humanos e técnicos ao que está por emerxer. Facilitar os contactos  a nivel nacional e internacional e facer fincapé non só no local, senón tamén nos nodos de municipios afíns.

Sobre os eixos que se lle plantexan (Innovación cidadá, Innovación educativa, Coñecemento libre e aberto, Cultura e produción dixital) pensa que a Innovación cidadá e o coñecemento libre e aberto son transversais a todo o proxecto.

No tema de innovación cidadá distingue entre dous campos: Redes sociais, referida ao tecido social que – apoiándose nas TIC – transforma a acción conectiva dixital en acción colectiva offline, e tamén Redes dixitais para a transparencia e a participación no (co)goberno da Coruña.

Destaca a necesidade de Alfabetización dixital irmandiña: en cultura libre e aberta, en equipos e programas, co horizonte do ben común. Propón liñas de actividade que palíen a desigualdade acumulativa de coñecementos y equipamentos dixitais en relación ao estatus socioeconómico e cultural.

Fai separación entre Cultura Popular e TICs e  o mundo da ciberarte.  Tamén a Produción dixital orientada ao ben común, como eixo-eido propio que atendería cuestións de TICs e tecido industrial.