O pasado 24 de marzo tivo lugar no Centro Cívico da Cidade Vella un encontro da comunidade do Co-Lab no que participaron 50 personas entre as que se atoparon representantes dos proxectos desenvolvidos durante o ano 2017, ademais doutras interesadas na continuidade do laboratorio cidadán da Coruña (activistas sociais, membros de ONG, universidade, etc).
Baixo o título “Co-Lab: Como seguimos construíndo o noso laboratorio cidadán?” e coa metodoloxía OpenEspace (Espazo Aberto), o grupo identificou as principais fortalezas e necesidades do proceso participativo aberto polo Co-Lab e se lanzaron propostas cara ao seu desenvolvemento durante o ano 2018.
No Encontro tamén participou Claudia Delso, Concelleira de Participación e Innovación Democrática, que destacou que “o Co-Lab é un instrumento fundamental para a cidade, xa que pon en marcha accións e proxectos de mellora da calidade de vida da xente en base a deseños da propia xente. Os laboratorios cidadáns, presentes en moitas cidades de Europa e do mundo, marcan o camiño para o desenvolvemento de políticas públicas realmente participativas e coincidentes coas necesidades da veciñanza. E A Coruña, co apoio que se está a dar ao Co-Lab desde o Concello, é hoxe un referente a nivel estatal de este novo xeito de facer política”.
Entre os prinicipais puntos positivos do laboratorio, o grupo recoñeceu os seguintes:
- A existencia da mediación, como figura fundamental para xestionar a relación entre a comunidade do Co-Lab, os proxectos en marcha, as institucións públicas e a cidadanía.
- A posta en valor e a visibilización sobre a situación dalgúns barrios o as necesidades concretas de colectivos determinados.
- O papel do Co-Lab e os seus proxectos como ferramentas para a innovación social.
- A importancia do laboratorio na activación de comunidades diversas.
E no relativo ás propostas para a continuidade, recolléronse algunhas importantes cara a continuidade da iniciativa:
- Creación dunha canle para a recollida de solicitudes e melloras propostas pola cidadanía, que vaia alén do dixital (espazos informativos, folletos, etc).
- Fomento da máxima participación da veciñanza nos proxectos, reforzando a comunicación e a mediación en todas as iniciativas que se produzan no marco do Co-Lab.
- Reforzo da comunicación do Co-Lab no seu conxunto para facer comprensibles os procesos ques se dan e fomentar a incorporación da cidadanía.
- Planificación dos seguintes pasos do laboratorio para poder responder ás expectativas creadas entre as persoas participantes na comunidade do Co-Lab.
- Profundización do plan de comunicación do laboratorio e da súa “imaxe de marca”, explicando a iniciativa e tomando en conta todos os públicos obxectivos.