Cara a un ecosistema da participación

Ecosistema participación

Durante a primeira semana de xullo celebrouse na cidade da Coruña o Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos que contou coa presencia de representantes públicos e persoas expertas de distintas cidades do espazo iberoamericano onde se están a implementar estes dispositivos. No marco das xornadas xeráronse interesantes debates sobre políticas públicas, procesos sociais e os avances na creación dun novo ecosistema da participación.

Para Camilo Romero, Gobernador do Departamento de Nariño, o punto de partida da apertura e os cambios que se están a dar nas institucións cara unha maior participación social está no “convencemento de que se formou unha nova cidadanía que require unhas novas institucións. E as institucións estamos aínda moi por detrás destes cambios”. Nariño é un Departamento (demarcación territorial equivalente ao que podería ser unha Comunidade Autónoma no Estado Español) de Colombia especialmente afectado pola guerra, no que está en marcha nos últimos anos unha experiencia de “goberno aberto” co obxectivo de que as institucións “deixen de ser clubs privados de expertos e lobbies, para abrir á cidadanía a xestión pública e o protagonismo na definición das políticas”.

En Nariño, ademais de experiencias de consultas cidadás e orzamentos participativos, celebráronse no mes de febreiro os Laboratorios de Innovación Cidadá (LABIC) para a Paz: trátase dunha proposta desenvolvida en colaboración co Proxecto de Innovación Cidadá da Secretaría Xeral Iberoamericana, para aplicar as metodoloxías destes laboratorios a pensar solucións para facer efectivo no territorio o proceso de paz e imaxinar colectivamente, e desde as comunidades afectadas, o escenario dunha vida post-conflito.

Laura Gómez, a que fora Directora Xeral de Igualdade da Deputación Foral de Gipuzkoa, profundou nesta idea subliñando que, se ben “os dispositivos participativos non transforman automaticamente as nosas vidas, si poñen as condicións para o facer”. Para converterse nestas pancas de cambio, precisan dunha serie de condicións:

  • Incluír e tomar en conta a diversidade, activando a participación de colectivos e sectores diferentes.
  • Coidar a calidade do proceso deliberativo, entendendo a participación coma un proceso a desenvolver, e non só coma un medio para acadar un fin determinado.
  • Garantir a capacidade da cidadanía para participar na toma de decisións sobre as políticas que a afectan.

Estes dispositivos, despregados baixo esta visión, deben ser entendidos non só como instrumentos técnicos, mais como instrumentos políticos, “capaces de influír no conflito actual capital-vida, que enfronta o capital contra os coidados, as mulleres e o medio ambiente. Estes dispositivos poden facer emerxer a consciencia crítica da cidadanía: nos permiten enfrontar problemas públicos complexos desde a empatía. Coñecer os puntos de vista dos outros e das outras e poñernos no seu papel”.

Yanina Welp, Directora Rexional para América Latina do Zentrum für Demokratie Aarau (ZDA, Centro para Estudos sobre Democracia) da Universidade de Zurich, continúa coa reflexión nesta liña: “os dispositivos de participación pódense converter en sistemas de contrapoder para a cidadanía, sempre que se garantan as condicións para a súa participación, sempre que esta sinta que pode controlar as políticas e avalialas”.

Para avanzar neste marco -subliña Yanina- é fundamental non só establecer as ferramentas técnicas para a participación, mais tamén coidar os espazos deliberativos para que as distintas comunidades humanas que participan e o tecido asociativo xeren decisións de calidade, fundamentadas non só na información que xorde dos medios de comunicación de masas.

Estes espazos deliberativos están tamén na base das experiencias de democracia por sorteo nas que Arantxa Mendiharat (mediadora cultural e colaboradora do Participalab de Medialab Prado) é experta. No marco deste dispositivo, experimentado xa en diferentes países, cidadáns e cidadás son elixidas aleatoriamente para tomar decisións sobre unha determinada acción ou política pública. E de novo, é fundamental o tempo e o espazo adicado a conformar esas decisións: “as persoas que participan teñen acceso a expertos de todas as tendencias, incluíndo técnicas, políticas, representantes de empresas e movementos sociais”.

Alén das decisións acadadas nestes procesos por sorteo, é interesante o proceso en si: “quebra coa exclusión dos colectivos que quedan sempre fóra da toma de decisións, xa que o sorteo non toma en conta clase, xénero ou idade das participantes; o grupo é pouco manipulable polos grandes medios de comunicación e lobbies, pola calidade do espazo deliberativo que se establece; e no marco deste mecanismo se poden abordar decisións de máis largo prazo, xa que o colectivo non está condicionado polas eleccións”. Non hai que esquecer que políticas tan importantes como a despenalización do aborto na República de Irlanda naceron nun espazo de democracia por sorteo.

Todas estes dispositivos conforman o que Laura Gómez denomina “a ecoloxía da participación”, todo un ecosistema no que conflúen iniciativas públicas, sociais e híbridas, que se está a constituír en diferentes lugares do mundo. Un ecosistema que, en palabras de Claudia Delso -Concelleira de Participación e Innovación Democrática- “na Coruña conforman os Orzamentos Participativos, o Co-Lab e os diferentes procesos participativos que hai en marcha e que están transformando a forma de entender as políticas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *