Laboratorios para a innovación democrática

Laboratorios

Instrumentos para abrir as políticas públicas á cidadanía

Vivimos unha época na que cada vez está máis asentada a percepción de que as institucións públicas deben abrirse á participación da cidadanía. De que os veciños e veciñas, alén de ser receptoras das decisións que se toman no Goberno a diferentes niveis, deben participar no deseño, desenvolvemento e execución destas decisións.

Para que está participación sexa completa, é imprescindible pensar en instrumentos para que a cidadanía forme parte tamén do impulso creativo previo que dá lugar ás políticas. Para que as persoas, coas súas diferentes visións e experiencias, soñen e prototipen accións que sería imposible que xurdisen desde a institucionalidade.

Esta visión é a que provoca que diferentes institucións públicas se comprometan con este novo xeito de entender as políticas públicas e apoien a posta en marcha laboratorios para a participación. Así aconteceu hai dous anos co Co-Lab na cidade da Coruña e así acontece agora co LAAAB en Aragón.

Laboratorios e apoio público

O Co-Lab ou o LAAAB non son os únicos exemplos de laboratorios que nacen involucrando a diferentes institucións públicas. Estas iniciativas veñen décadas experimentándose a diferentes níveis, en todo o mundo.

Son recoñecidos os laboratorios de goberno como o GovLab de Nova York, centrado desde 2012 na apertura do Goberno da cidade á cidadanía; o Laboratorio Hacker da Cámara de Deputados e Deputadas do Brasil, nacido en 2013 para estimular o desenvolvemento de accións e ferramentas que amplíen a participación social no proceso lexislativo; ou o MindLab de Dinamarca, promovido polos Ministerios de Educación, Industria e Emprego para abordar de xeito colaborativo, xunto coa cidadanía, diferentes necesidades e problemas nos ámbitos da súa competencia.

Nun camiño paralelo, en todo o Estado español, laboratorios cidadáns xurdidos desde espazos sociais ou académicos contan agora co apoio das institucións públicas, como o caso do MediaLab Prado e o Concello de Madrid; ou o Open Urban Lab e o Concello de Zaragoza.

E a nivel supranacional, son destacables iniciativas como o proxecto Innovación Ciudadana, da Secretaría General Iberoamericana nacido en 2013 como o primeiro espazo de traballo conxunto entre a cidadanía, gobernos, academia e empresas basado nunha dinámica colaborativa e aberta lanzado desde un organismo internacional.

Ferramentas que transforman o xeito de facer política

Os laboratorios de innovación democrática xogan un papel fundamental na necesaria transformación do modo no que entendemos as institucións, constituíndose en espazos nos que se deseñan propostas que, co tempo, poden condicionar ou mesmo constituírse nunha política pública determinada. Non só abren o Goberno á participación: poñen en marcha un motor creativo que, partindo do traballo colaborativo e a experimentación, dá lugar a respostas exitosas a problemáticas ou demandas sociais determinadas. Implicando ás comunidades afectadas, contando coas visións da cidadanía.

Son, por tanto e como acontece co Co-Lab, instrumentos que van máis lonxe dos proxectos concretos que acollen. E deben ser entendidos deste xeito: un paso fundamental na transformación das institucións públicas cara a realidades máis abertas, creativas e participadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *