Oasis Monte Alto: a continuidade dun soño.

Oasis Monte Alto

O Co-Lab comezou a conformarse durante o ano 2016 coa misión de mellorar a vida da veciñanza da Coruña e acadar unha cidadanía máis igualitaria e participativa. De construír un Laboratorio Cidadán ao servizo das persoas, que son as protagonistas dun espazo no que son elas as que producen propostas e coñecemento dun xeito colaborativo e comunitario.

Desde un inicio, no Co-Lab participaron grupos de traballo diversos que impulsaron procesos de innovación cidadá para a transformación social, contribuíndo ao desenvolvemento cultural, social e económico da nosa cidade. Desde proxectos de atención ás persoas en situación de maior vulnerabilidade (como as traballadoras precarias ou a veciñanza que vive situacións de soidade) ata a creación de comunidades para a defensa doutro tipo de urbanismo, outro xeito de vivir os barrios ou formas outras de construír as organizacións e os colectivos humanos. Proxectos que, se ben contaron desde un inicio co apoio orzamentario e institucional do Concello da Coruña, buscaban a autonomía e sostibilidade no tempo.

Oasis Monte Alto

Unha acción colectiva para transformar o barrio

Así aconteceu co proxecto Oasis Monte Alto, que comezou no último trimestre de 2017 a mobilización da veciñanza para construír colectivamente e cos propios recursos e capacidades presentes no barrio un proxecto que redundaría no ben común do barrio todo. O xogo Oasis naceu hai máis dunha década en Brasil, deseñado polo Instituto Elos, e desde aquela foi validado por máis de 250 accións en diferentes cidades de todo o mundo.

Foi así, liderado por un grupo promotor de veciños e veciñas activas, que se definiron dúas accións de transformación executadas finalmente nunha única fin de semana: a humanización dun espazo do barrio (as escaleiras da rúa Adelaida Muro, coa realización dun mural comunitario); e a celebración dunha festa veciñal na rúa peonil da Marola.

Logo do éxito acadado, tanto o grupo promotor como os diversos colectivos e persoas participantes (desde asociacións culturais a pequenos comercios do barrio, que aportaron os materiais necesarios para as accións) quedaron en contacto e traballando coa idea de seguir desenvolvendo accións conxuntamente.

Oasis Monte Alto

Rematar o mural, construír comunidade

Durante a fin de semana do 21 e 22 de abril de 2018 está convocada a segunda acción colectiva para rematar o mural iniciado en 2017, mobilizando de novo un colectivo diverso de veciños, veciñas e diferentes entidades do barrio.

E unha vez máis, a acción pechará cun espazo lúdico na rúa, para seguir construíndo comunidade e imaxinando accións que transforman a nosa contorna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *