Antonio Lafuente: a in-disciplinaridade

Antonio Lafuente, coordinador do proxecto La Aventura de Aprender, unha colaboración entre o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, TVE e Medialab-Prado, presentou o concepto de in-disciplinaridade ao plenario do Obradoiro Aberto Co-Lab “dende a perspectiva dos feminismos”.

Do mesmo xeito, citando a Isabelle Stengeres, puxo sobre a mesa a idea de que “a ciencia moderna vilipendia aos que están fóra dela” para reclamar o papel do amateur. “A diferencia pode ser vista como emprendeduría porque reclama intelixencia e cooperación entre axentes para poder sosterse. As activistas, as amadoras… son novas produtoras de coñecemento: documentan, contrastan, organizan e publican”.

O investigador propuxo construír un contexto de diversidade que tamén se convirta nun contexto de emprendeduría, debido a que “os amateurs son actores que traballan por amor, involucránse non só no que pasa, senón en que nos pasa” e a que “para facerse visibles no espazo público, categorizan, deciden, priorizan, documentan, contrastan e publican, ao igual que o fai o ámbito académico”. Ademais, estes amateurs logran contar coa hospitalidade como principal método de traballo, como tecnoloxía, como ferramenta a utilizar, porque “un só se sinte parte de algo se se ve quen de producir”. “A hospitalidade é un signo de organizacións que utilizan como referencia formas adaptativas, resilientes e con capacidade de talento”, apuntou Lafuente.

 

“As espectativas están construídas para ser defraudadas”

Como pretexto para instar a sociedade a facer as cousas dende xa mesmo e sen agardar máis tempo, Antonio Lafuente xogou co concepto de “esperanza”, utilizándoo como un método de traballo, desbotándoo e expoñéndoo como “un xeito de trasladar a mañá o que podemos facer hoxe. As espectativas están construídas para ser defraudadas e só chegaremos ao mundo no que queremos vivir se o habitamos dende hoxe mesmo”.

Para rematar, tamén quixo poñer sobre a mesa o desafío de que as institucións admitan que os movementos sociais, axentes de innovación, son sensores de alerta temperá dos problemas que están por vir. Do mesmo xeito, falou da necesidade “dunha cultura política nova que sexa capaz de relacionarse cos movementos sociais, de pasar da protesta á proposta, do experimental ao experiencial e da reclamación de dereitos á produción de infraestruturas”.