Laboratorios cidadáns como espazos nos que se constrúe comunidade

Marcos García, bo coñecedor da cultura dixital, medialabs, innovación cidadá e cultura libre, compartiu cos participantes a súa experiencia como director de Medialab-Prado.

Dende o inicio, unha das súas propostas -como a de moitas das persoas participantes no Obradoiro-, foi a de revisar e implementar os criterios prestando gran atención á hospitalidade. “Unha persoa soa non pode resolver todos os problemas”, polo que “debemos construír ecosistemas e xerar posibilidades de colaboración entre diferentes organizacións a nivel mundial, convertirnos en cidades que aprenden en rede”.

Para afrontar esta e otras tarefas xorden os laboratorios cidadáns -como MediaLab Prado en Madrid, MindLab en Cophenague ou Otelo en Austria-, espazos nos que a cidadanía constrúe comunidade e nos que se explora a relación entre coñecemento e convivencia. Marcos García, destacou como principais potencias destes laboratorios:

  • Aumentar a diversidade da participación
  • Diminuír a distancia entre as persoas e as institucións
  • Construír pontes entre o micro e o macro
  • Experimentar formatos que dan lugar a outros modelos de institución que complementen o existente
  • Resolver algunhas necesidades (estar xuntos, aprender, dereito a coidar)
  • Ampliar o repertorio de formas de facer, non substituír as que xa existen.

O director de MediaLab-Prado apuntou que os laboratorios “conectan os uns cos outros, desenvolven novas ideas e amplían o alcance e a riqueza do que facemos” e que “o Co-Lab pode ser un proxecto que poña as condicións necesarias para apoiar os colectivos que traballan en innovación cidadá”.