Remata o Obradoiro Co-Lab

fotofinal

Durante a posta en común para o peche do Obradoiro do Co-Lab, cada un dos grupos de traballo presentou ante o plenarios as principais conclusións e liñas de traballo debulladas durante estes dous días de intenso labor colectivo.

  • O social. O grupo reclamou a falta de coñecemento duns cos outros alegando que “teñen que coñecerse e atoparse” porque “se non nos coñecemos, non construímos”. A característica fundamental de todas as conversas son o retorno social, nas que palabras como conciliar, recoñecer e facilitar son tamén protagonistas. Fundamentais para eles as alianzas co terceiro sector, cos integrantes dos barrios e cos técnicos da administración.
  • O habitar. Baixo a premisa de “aldeanizar a cidade” o grupo tentou buscar “motivos para facer as cousas”. O discurso fundamentouse na busca de redes de apoio mutuo entre a veciñanza, prestar especial atención aos coidados, humanizar a cidade, minimizar o impacto amabiental, potenciar a economía social, visibilizar a aldea que hai na cidade ou explorar novas formas de xestionar os bens.
  • A mobilidade. Tras estes dous días de investigación, traballo e reflexión, os participantes no grupo -que decidiron autodenominarse “Removers”– puxeron sobre a mesa o cambio de hábitos de mobilidade ou a mellora da viabilidade dos percorridos a través de diversos mecanismos, alianzas e campañas.
  • O ser dixital. A proposta ten unha triple vía: un espazo permanente de análise e experimentación sobre o uso da tecnoloxía na cidade, a creación dun espazo de making e outro de hacking que sexan complementarios entre si e as accións, relacionadas co xeito no que nos achegamos á tecnoloxía, sempre cun enfoque participativo.
  • O cultural. As protagonistas do discurso foron a xestión de espazos, a potenciación da creatividade, o coñecemento aberto, os orzamentos transparentes e accións entre as que se atopan a investigación, a formación baixo demanda, a optimización de recursos ou a sostenibilidade, así como a creación dunha oficina de atención cidadá.

Para rematar o Obradoiro Co-Lab Coruña, Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Cidadá do Concello da Coruña, trasladou o compromiso da administración co proxecto e quixo falar sobre a canalización de ideas e a búsqueda de posibilidades para levar iniciativas a cabo animando á xente a colaborar na Forxa para seguir alimentando este espazo no plano virtual.