Acción de ParticipAGRA nas Conchiñas

Dinámica participAGRA Conchiñas

Esta fin de semana (20 e 21 de outubro) participAGRA, un dos proxectos do Laboratorio Cidadán da Coruña deste ano, desenvolveu diferentes accións informativas na Praza das Conchiñas no marco do mercadillo que se estaba a celebrar alí. Foron moitas as persoas interesadas que se achegaron para saber de que xeito poden colaborar para facer barrio.

Durante estes días as persoas responsables de participAGRA amosaron os diferentes eixos de traballo do proxecto, os seus obxectivos e iniciativas aos veciños e veciñas da Agra do Orzán, fomentando deste xeito a participación da veciñanza do barrio.

Dinámicas participativas

Para facelo, púxose en marcha unha dinámica participativa, enfocada principalmente aos nenos e nenas do barrio, que tentou chamar a atención sobre a alta densidade demográfica do barrio da Agra do Orzán (unha das máis altas de Europa). Nun espazo determinado, debuxado no chan (un cadrado de 1,08m x 1,08m), a cativada participante tentaba desenvolver unha actividade lúdica. Cando se decataban que calquera actividade era imposible nun espazo tan pequeno, as responsables do proxecto lles informaban que, de baixar de vez á rúa toda a xente que vive na Agra, ese sería o espazo que terían para dúas persoas.

A dinámica remataba amosando un novo espazo moito máis amplo (4,5m x 2m), que sería o que ocupa un coche. O xogo remataba pedindo aos nenos e nenas -e ás súas familias- que imaxinasen todo o espazo co que contarían para xogar se non houbera no barrio ningún coche aparcado na rúa.

O proxecto participAGRA

O proxecto participAGRA, que pretende atopar espazos de convivencia e de lecer, dotando de vida a espazos agora esquecidos ou infrautilizados:

  • Rúa
  • Baixos comerciais
  • Parque do Observatorio
  • Patios interiores
  • Solares vacíos

Todo iso, no barrio con maior densidade demográfica da cidade. Os proxectos do Co-Lab buscan contar coa colaboración e participación do maior número de persoas dos diferentes barrios da cidade, polo que levan a cabo accións informativas que favorezan a relación coa veciñanza.

Na información que participAGRA entregou atópanse as datas mais importantes para seguir de preto o proxecto entre as que estará a presentación oficial do día 2 de novembro ás 19 horas no Ágora.

 

Queres saber máis do proxecto? Ségueo nas redes:

facebook.com/participAGRA

twitter.com/participAGRA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *