Convocatoria aberta para participar nos Encontros e Foro da Soidade

Soidade Encontros e Foro

Imaxinamos xuntas as respostas da cidadanía e das institucións da Coruña ante o reto da soidade nas vindeiras décadas?

Ao longo dos vindeiros meses de novembro e decembro o proxecto “Soidade”, que se desenvolve na cidade da Coruña co apoio do Co-Lab -o Laboratorio Cidadán da Coruña- abre diferentes espazos de reflexión colectiva nos que, a través de metodoloxías creativas, exploraranse retos e novas ideas en torno ás circunstancias das persoas maiores que pasan a maior parte do seu tempo soas.

Nun momento no que servizos públicos e entidades sociais atópanse desbordadas polas necesidades asistenciais actuais deste colectivo, propoñemos abrir un proceso de deseño colaborativo para achegarnos aos retos presentes, pero tamén futuros, sobre a temática, así como reflexionar sobre o papel que as cidades terán nesta problemática social ao longo do S. XXI.

A iniciativa non busca, polo tanto, analizar tan só a situación na poboación maior actual, senón proxectar tamén no futuro este reto demográfico global, pero cunha especial incidencia en sociedades como a galega. Así mesmo, abordarase a situación de colectivos que padecen colateralmente este problema, como é o caso das persoas coidadoras, atrapadas tamén en dinámicas de illamento social.

ACTIVIDADES PREVISTAS

Os “Encontros da Soidade” son espazos de reflexión colectiva a través de metodoloxías creativas e dinámicas áxiles, nos que identificaremos xuntas os retos e xeraremos ideas e posibles solucións de futuro.

  • Martes 7 de novembro (17h a 20h) no Centro Cívico Cidade Vella.
  • Martes 14 de novembro (10h a 13h no CC Novoboandanza) e mércores 15 (18h a 20h no CC Labañou)Encontros reservados a persoas maiores. As inscricións realízanse no propio centro)
  • Martes 21 de novembro (09h a 14h) no Centro Cívico Cidade Vella.

O “Foro da Soidade” é unha xornada pública que se celebrará o martes 12 de decembro no Centro Ágora. De 10h a 14h contaremos con persoas expertas convidadas e unha mostra de experiencias relacionadas cos retos identificados nos “Encontros da Soidade”. Xa pola tarde (16h a 20h), realizaremos unha posta en común, tamén a través de metodoloxías creativas, das principais conclusións do proceso de traballo desenvolvido nestes meses.

QUEN DESEXAMOS QUE PARTICIPE?

Os Encontros do 7 e 21 de novembro, así como o Foro do 12 de decembro, pretenden ser espazos de debate interdisciplinar, onde se poidan reunir axentes vinculados profesional ou persoalmente á temática da soidade en maiores, pero tamén calquera persoa que se sinta interpelada a participar no proceso, tanto para analizar os retos como para participar na xeración de propostas dende novas perspectivas.

Estamos a pensar, por exemplo en:

  • Profesionais de servizos sociais públicos, en especial do ámbito municipal.
  • Profesionais e activistas de entidades privadas que traballen na temática.
  • Persoas activas en asociacións sénior ou de persoas maiores.
  • Expertas, Investigadoras e Estudantes de Xerontoloxía e Xeriatría, Educación Social, Socioloxía, Antropoloxía, etc.
  • Axentes de áreas transversais como innovación social, novas tecnoloxías, comunicación, xestión cultural, práctica artística, dinamización sociocultural, etc.
  • Calquera persoa creativa que pense que pode achegar á temática unha visión diferente e que se sinta interpelada pola convocatoria.

Os Encontros do 14 de novembro están reservados a persoas maiores usuarias de diversos centros cívicos da cidade. Serán anunciados nos propios centros, onde tamén se xestionarán as inscricións.

INSCRICIÓNS

A inscrición en todas as actividades é gratuíta e pode realizarse a través do formulario en liña dispoñible en i.gal/soidade

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se esgoten as prazas, momento no cal abrirase unha lista de agarda onde seguiremos a atender solicitudes de inscrición.

As prazas asignaranse preferentemente por orde de inscrición, aínda que tamén se busca garantir unha diversidade plural de perfiles. A este efecto, en cada grupo contamos cunhas prazas máximas por perfil e mesma entidade.

Para calquera dúbida e consulta adicional podes escribirnos a soidade-colab@xeneme.com e tes máis información do proxecto en
colab.coruna.gal/soidade/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *